VII Escola de Formación de axentes de saúde
Curso de Formación de mediadoras/es xuvenís en educación afectivo sexual e prevención da transmisión do VIH-sida
[20/11/2006 10:00 - 23/11/2006 20:00] Na Casa da Xuventude do 20 ao 23 de novembro.
Listado de Admitidos/as
Para o Consello da Xuventude de Galicia a formación de axentes de saúde ten como finalidade achegarlles recursos ás entidades a través da capacitación das persoas que colaboran coas asociacións xuvenís na realización de actividades promotoras da saúde.
Partindo da necesidade de que debemos seguir insistindo na prevención de riscos para a saúde en todos os espazos que ocupan os mozos e mozas no seu tempo libre (incluído o ámbito asociativo), teremos que persistir na prevención da transmisión do VIH-sida, a través tanto das actividades que se realicen de xeito específico coma das mensaxes que se están a transmitir noutros ámbitos (linguaxe publicitaria, crenzas do grupo de iguais, estereotipos etc.). Entendemos, polo tanto, que é oportuno achegar unha formación básica, en contidos e habilidades, ás persoas que colaboran na dinamización das entidades para afrontar de xeito adecuado as ditas actuacións.
Deste xeito, o Consello da Xuventude de Galicia, a través da realización do curso "Formación de mediadoras/es xuvenís en educación afectivo sexual e prevención da transmisión do VIH-sida" pretende:
- Favorecer a formación e actualización de coñecementos dos axentes sociais implicados nas accións educativo-preventivas e de sensibilización dirixidas á mocidade.
- Promover a comprensión da sexualidade como unha construción na que se relacionan o biolóxico, o cognitivo, o afectivo e o cultural.
- Favorecer a identificación das situacións e prácticas sexuais de risco, analizar as posibilidades de transmisión das ETS (enfermidades de transmisión sexual) e as formas máis axeitadas de prevención en cada caso.
- Dar información clara e actualizada en relación coas vías de transmisión do VIH e coas pautas de prevención.
Metodoloxía da actividade:
O curso encádrase no marco da VII Escola de Formación de axentes de saúde, que consta de dúas actividades formativas. A metodoloxía de carácter activo-participativa proposta para a realización do curso de "Formación de mediadoras/es xuvenís en educación afectivo sexual e prevención da transmisión do VIH-sida", centrarase en:
- Facilitar espazos para a comunicación, o debate, o intercambio de experiencias e a revisión de actitudes e estereotipos con relación á sexualidade.
- Facilitar e coñecer estratexias e habilidades como a asertividade e a empatía, que faciliten o afrontamento e a resolución de problemas en torno á sexualidade.
- Revisar e analizar as relacións sexo-xénero respecto á distribución de roles e a vivencia da sexualidade.
Datas das xornadas
20, 21, 22 e 23 de novembro de 2006
Duración
30 horas
Horarios:
Mañás: de 10:00 a 14:00
Tardes: de 16:00 a 20:00
Lugar de realización
Casa da Xuventude de Santiago de Compostela (Praza do Matadoiro, s/n)
Destinatarias/os
Poderán participar 25 mozas e mozos. Terán prioridade aquelas persoas que formen parte de asociacións xuvenís ou teñan algunha experiencia asociativa.
Contidos
Sexo, sexualidade e erótica
Identidade sexual: identidade, rol e orientación sexual
Resposta sexual humana
Anatomía sexual feminina e masculina
Métodos anticonceptivos
Prevención de embarazos non desexados
Revisión de actitudes, valores e normas con respecto á sexualidade
Estereotipos, mitos e tabús en torno á sexualidade
VIH-SIDA: coñecementos xerais sobre o VIH-sida
Formas de transmisión: prácticas de risco e prevención
Orientación individualizada á mocidade: atención e derivación a servizos especializados.
Intervención de grupo: criterios básicos (que, como, para que...)
A figura da mediadora ou mediador xuvenil.
Propostas metodolóxicas: metodoloxía e intervención nas ETS
INSCRICIÓN GRATUÍTA
- No formulario que atoparás ao final desta páxina
- Enviando a ficha de inscrición dos folletos publicitarios ao fax do CXG 981 563 488
- Entregando a ficha de inscrición dos folletos publicitarios nas oficinas do CXG
Data límite para inscrición:
15 de novembro de 2006
Confirmarase a asistencia xa que, se é necesario, se realizará a selección do grupo de participantes.
Documentación
Listado de admitidos/as