[22/04/2009] Ao dito acto asistiron, a maiores dos gañadores, a presidenta do CXG, Azucena Rodríguez, a xefa de Relacións Externas e Publicidade de BEGANO/Coca-Cola, María Sande, e o escritor e profesor Ramón Caride.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2009.- Hoxe tivo lugar na Fundación Araguaney o acto de entrega de premios do certame de relatos curtos "Amigos para sempre", organizado polo Consello da Xuventude de Galicia (CXG) coa colaboración da librería Abraxas e Coca-Cola.
Segundo sinalou a presidenta do CXG, "este certame é unha iniciativa do CXG no seu empeño por traballar por un mundo máis xusto. O seu obxectivo era fomentar actitudes de protección e respecto cara aos animais e contra o seu abandono, dándolles voz aos que son os cidadáns e cidadás do presente e do futuro".
Ao certame presentáronse 101 obras, das cales 46 resultaron descualificadas por non cumprir as bases e 55 foron admitidas. Posteriormente, o xurado decidiu conceder un premio da categoría B (concursantes con idades entre os 15 e os 17 anos) e cinco da categoría A (concursantes con idades entre os 12 e os 14 anos).
O premio da categoría B recaeu no relato Sempre estarei aí, de Lara Salgado Santos. Na categoría A, foron cinco os contos galardoados. O primeiro premio recaeu en María Elena López González, co conto Bolboreta branca; os segundos premios foron para Esmeralda, de Victoria C. Luaces; Historia dunha amizade, de María Andrea Tomé Yáñez; Non me fagas dano, de Sara Cela Alfonso e Lúa e mais eu, de Claudia Pico Martínez.
Así mesmo, froito deste certame, a Editorial Sálvora lanzou un libro cun total de vinte relatos, entre os que se atopan os gañadores do certame e outros seleccionados polo seu valor literario. O 10% dos beneficios das vendas deste libro destinarase á Asociación protectora de animais e plantas de Lugo, protectora elixida polos gañadores e gañadoras do certame.
« Noticias