[16/12/2009] Durante todo o ano 2010 Médicos sen Fronteiras quere informar a sociedade galega da realidade de millóns de persoas que padecen algunha das chamadas enfermidades esquecidas
Imos centrarnos en 6 destas enfermidades que MSF trata diariamente: o chagas, kala azar, malaria, enfermidade do sono, tuberculose e sida pediátrico.
Todas elas teñen diferenzas clínicas, cada unha é causada por un parasito ou virus diferente, as súas consecuencias non son iguais... Non obstante, todas teñen en común que provocan a morte de 8000 persoas cada día.
Persoas pobres que viven nos países en vías de desenvolvemento e que non lles interesan nin aos gobernos, nin á Comunidade Internacional, nin ás farmacéuticas, nin aos medios de comunicación.
Por iso, desde Médicos sen Fronteiras queremos realizar un chamamento para evitar que anualmente morran 3 millóns de persoas que están esperando un tratamento para algunha destas 6 enfermidades que teñen cura.
Pedimos que os gobernos, os institutos de investigación e as farmacéuticas empecen a investir máis recursos para mellorar a I+D destas enfermidades, conseguir probas de diagnóstico axeitadas e adaptadas ás realidades dos países en vías de desenvolvemento, novos tratamentos eficaces, non tóxicos, accesibles e adaptados e probas de curación.
Non podemos seguir permitindo que estas persoas esquecidas sigan morrendo por falta de vontade política. Por iso, pedimos a túa axuda para difundir a súa realidade.
Porque a peor enfermidade é o NOSO ESQUECEMENTO.
Difunde o cibermaratón: www.yonolvido.org a>
« Noticias