Noticia
Play-Avid.doc
PLAY-DOC busca novos realizadores de documentais
[15/01/2007] Play-Doc - Festival Internacional de Documentais de Tui e Avid Technology, abren a convocatoria para participar en ‘Play-Avid.doc’ unha actividade enfocada ao apoio ao talento entre os novos realizadores galegos que inician os seus pasos no mundo do documental.
’Play-Avid.doc’ desenvolverase no marco da terceira edición de Play-Doc que terá lugar na cidade de Tui do 21 ao 25 de marzo de 2007, e nace co obxetivo de facilitarlles aos realizadores noveis galegos a produción dos seus proxectos documentais. Para iso os participantes deberán pasar por un proceso de selección que se desenvolverá en tres fases:
- Selección de participantes. Play-Doc e Avid seleccionarán cinco proxectos de entre todos os recibidos.
- Maratón Play-Avid.doc. Durante os días do festival os participantes seleccionados terán que realizar unha curta documental nun período limitado de tempo, poñendo así a proba a súa destreza técnica e imaxinativa. O obxectivo é rodar en Tui e capturar, en pouco tempo, a esencia do tema elixido. Todo de forma rápida, espontánea, demostrando talento e creatividade. As curtas resultantes poderanse ver no festival e será o público o que decida o seu favorito.
- ‘Play-Doc e Avid Presentan’. Para rematar, a organización do festival e Avid elixirán un proxecto de entre os cinco seleccionados na primeira fase deste concurso, e achegarán todos os recursos técnicos e de produción para que este proxecto-documental poida converterse nunha obra finalizada coa máxima calidade técnica e profesional.
O
prazo para presentar os proxectos permanecerá aberto ata o
24 de febreiro de 2007. Aqueles que desexen participar en ‘Play-Avid.doc’ atoparán as bases do concurso, a ficha de inscrición e máis información en
www.play-doc.com
Con esta actividade, Play-Doc quere dar un paso adiante no seu compromiso de apoio aos novos realizadores, involucrándose esta vez na produción destes proxectos documentais.
Máis noticias
« Noticias